sábado, 24 de agosto de 2013

LAVANDEIRIÑA BONITA

Se estar en ti foi pecado, eu nacín para pecar.
 LAVANDEIRIÑA BONITA

Topei unha lavandeira
que lavaba ao par da auga;
ela lavaba no río
e unha cantiga cantaba

Atopeite soa, fuxida, aterecida nos prados do muíño. Ti estabas á beira do río escorrendo orballo polas meixelas. Si, estabas aí, aí mesmo! Vinte aí! Tan bonita como unha rosa vermella na primavera. Eu viña cheo de ledicia con pandeiros na alma que se estremeceron por verte, doce arrepío co que soña a miña noite. Cando escoitei esa voz os meus pandeiros fuxiron ao teu compás, o meu corazón abriuse na túa cantiga e clarexou o meu futuro no luar dos teus ollos.
De súpeto, parecía outro home nas túas mans de roupa retorcida e no teu peito espertei nunha alborada eterna coas cores do paraíso. Fixemos o amor ata calmar os corpos nun avesío nunca coñecido e a túa vaxina converteuse no primeiro fogar da miña pel. Tocaches polos meu tacto o tacto da vida e foi a túa suor o primeiro orballo dos meus labios.
Entrei en ti cunha firmeza que descoñecía e descubrinte leda na primeira lúa do teu clítore. Despois esfareleiche os meus soños polo ventre e recibín a cambio o teu mellor sorriso. Namorámonos unha e outra vez, e tantas! Que de súpeto toquei nas túas tetas as da liberdade e durminme certo de terte para sempre.
Pero cando espertei atopeime orfo de ti, en terra adentro1[1] e o meu corpo (que no medio da friaxe lembraba tan só eses dedos polos que tocara os dedos da vida e ese primeiro orballo dos meus labios) volveu beber a propia soidade na poza do teu sangue.




-1 Alusión a Fiz Vergara Vilariño