sábado, 28 de junio de 2014

CANDO TODO RECENDÍA A SAMSARA


Cando todo recendía a samsara

o seu corpo tremeu no sorriso dela

e non soubo qué facer cos espidos da vida.

Un tacto analfabeto percorríaa

como quen procuraba o primeiro pan

nos beizos encarnados de bicos incertos.

Pouco a pouco ficou espido nela,

entón sentiuse tocado por unha ninfa

que o arrancaba de saudades eternas

debuxándolle en cada man as formas do seu peito.

Os ollos da ninfa ateigárono ata rachalo

pulsándolle o sangue para agromar un oasis de apertas salgadas.

Cada aperta era un golpe de estado

e abril agromaba nun maio en flor.

Bicos, aloumiños, voltas, viravoltas,

xemidos e raiolas de luz que o guiaban polo seu corpo

á procura dos puntos do pracer.

Eran a morte do silencio

e tatuáronse con versos de saliva;

nos peitos e nas nádegas

fíxolle un soneto

pero a métrica desbordouse no amor dela.

Ela dominaba a medida infinda dos bicos e da pel,

entón necesitáronse mutuamente

e aquela cama foi terra, auga, lume, aire;

principio e fin deles mesmos

habitando un  camiño descuberto

que os levaba ás paisaxes da alma.

Cando todo recendía a samsara

el soubo que existe o paraíso

dende que ela anda pola vida.

Cando todo recendía a samsara

ela soubo que eran mutuamente imprescindibles;

dous tactos perfectos para palpar as mornuras da ledicia.