martes, 29 de diciembre de 2020

2020: cruz e cara



  

Eras a mellor promesa posible

un gran ano feito na luz da historia

 e tan só deixas loito na memoria,

loita e medo, medo e loita invencible.

 

Déixasnos constancia do imprescindible

(buscando unha sentenza absolutoria)

mais só a ciencia nos trouxo esta vitoria

contra un inimigo que era invisible.

 

Aprendemos a vivir sen apertas,

renunciamos a ese sabor de alentos

mais o corazón manda e o peito sinte.

 

Sanitarios nobres de mans abertas

    loitan forte  para virar os ventos.

 Eles van con nós. Vaite dous mil vinte

 

            II

Sendo ti ano de tan triste lembranza

aínda che teño que agradecer

que este meniño viñera nacer

cando case nos fallaba a esperanza.

 

Hugo é liberdade en punta de lanza:

espello que nos abre este amencer

no que aínda poderemos tecer

para ti unha positiva gabanza

 

Aquí está Hugo neste intre complicado:

veu na quentura do noso verán

 curarnos deste tempo tan pechado.

 

Nas súas mans os soños bulirán:

tráevos ledicia nun gran ferrado

cheo espigas para  este novo pan