lunes, 21 de noviembre de 2016

Para andar (A Guzmán)

Para andar

 A Guzmán

Teño xa un aniño
e quero saber do mundo,
percorrendo o meu camiño
coñecendo o máis profundo.

Hei andar montes e prados
e navegar polo mar
para coñecer todos os lados
onde persoas únicas atopar.

Non me importa a cor
senón o que leven no corazón.
Nacín para vivir o amor,
non penso perder ocasión.

Pasiño a pasiño lonxe irei
nas beiras do camiño
moitas flores sementarei
para deixar recendo de cariño.

Canto máis ande
máis hei de saber,
hei buscar quen comigo cante
e a man heille tender.

Moito terei que correr
cando a vida recenda a primavera
e no inverno hei comer
os froitos que ela me trouxera.

Teño que medrar moito
para facer unha vida nova,
hei aprender de todo o que escoito
ata do meu saber dar proba.

Mais agora tócame andar,
agatuñarei polas miñas ilusións
e moitos amigos hei atopar
dependendo de cada ocasión.

Nacín para abrir saídas
que non teñen saída de seu.
Agárdame vida

que alá vou eu!

miércoles, 7 de septiembre de 2016

CANDO TODO ES TI

Todo se aprende en ti
porque nos teus versos
aflora un lar de emocións
chamado Galiza.
Galiza agroma en cada recuncho
eternizado na túa lira
coma un porvir perfecto
que ten na utopía
un camiño por desbrozar.
Nos teus versos
unha longa Chá convértese
na patria soñada
e comeza un camiño
de pedagoxía
onde cada cousa
sabe a ti.
Todo se aprende en ti
e a túa voz ecoa
onde pronunciamos a liberdade
porque en ti fomos felices
e descubrimos que na nosa forza infinda
un carballo bebe a cerna da terra
eternizando o noso ser galego
polos séculos que virán
xusto aquí
onde todo es ti
xusto agora

cando todo es ti.

lunes, 25 de abril de 2016

O caravel do teu soño


Liberdade:
rúa chea de música
habitando versos
que aloumiñan utopías
para os días do mañá.
Soño fondo de porvir
no que nacen nenos
nunha primavera de flores vermellas.
Cama onde dous corpos
deconstrúen revolucións
para facer rios de novas vidas
sempre, sempre ceibes.
Canto inmenso de porvir
que nos leva do millo verde
ás amoras maduras de setembro.
Abril, que nos espreguiza
como unha nai
que ergue ao seu fillo
para facer realidade
o soño.
Praza, sempre precisa,
sempre aprazada,
sempre á espera.
Praza, ceibe,
que hoxe se enche
nese soño eterno
no que ti e eu
saboreamos entre ginjinha
e licor café
os sabores eternos da liberdade.
Por ti,
 por min,
polos que virán,

25 de abril, sempre.