domingo, 10 de agosto de 2014

ADIVÍÑOTE SEMPRE

Durmindo entre sabas húmidas
da cor da túa voz,
do tacto das túas mans
ou do tamaño do teu sorriso.
Espida entre as propias sures
ensarillándote en soños
mentres nas sabas se tatúa para sempre o teu corpo.

Entón chego eu
e nada cheira a soidade,
un fondo cheiro a soberanía percórrete
ata impulsarme a remontar o curso da nacenza que te adiviña.
Entro no cuarto e o almanaque marca un número impar de Abril.
Ti estás na dirección dun cartel que pon “avante”,
nun agromar de sedas espreguizadas
e eu percorro o camiño que me leva a percorrerte.
Sucédense os manifestos
pero pouco a pouco imos tomando posicións
e ás 00:20 entramos xuntos na terra prometida.
Rúas ateigadas de ledicia acompáñannos
en banda sonora vital mentres certifican porvires.
Percorremos tacto a tacto a nosa terra prometida
e rimos ata deixarnos desbordar
na pureza dun mar branco que nos alimenta.
Un mar branco,
o noso segredo mar branco
no que cada noite ás 00:20
facemos un abril
que nos ateiga de ilusións novas
contra este mundo que nos derruba.

Cada noite ás 00:20
o universo que me alimenta

flúe polo teu corpo.

sábado, 28 de junio de 2014

CANDO TODO RECENDÍA A SAMSARA


Cando todo recendía a samsara

o seu corpo tremeu no sorriso dela

e non soubo qué facer cos espidos da vida.

Un tacto analfabeto percorríaa

como quen procuraba o primeiro pan

nos beizos encarnados de bicos incertos.

Pouco a pouco ficou espido nela,

entón sentiuse tocado por unha ninfa

que o arrancaba de saudades eternas

debuxándolle en cada man as formas do seu peito.

Os ollos da ninfa ateigárono ata rachalo

pulsándolle o sangue para agromar un oasis de apertas salgadas.

Cada aperta era un golpe de estado

e abril agromaba nun maio en flor.

Bicos, aloumiños, voltas, viravoltas,

xemidos e raiolas de luz que o guiaban polo seu corpo

á procura dos puntos do pracer.

Eran a morte do silencio

e tatuáronse con versos de saliva;

nos peitos e nas nádegas

fíxolle un soneto

pero a métrica desbordouse no amor dela.

Ela dominaba a medida infinda dos bicos e da pel,

entón necesitáronse mutuamente

e aquela cama foi terra, auga, lume, aire;

principio e fin deles mesmos

habitando un  camiño descuberto

que os levaba ás paisaxes da alma.

Cando todo recendía a samsara

el soubo que existe o paraíso

dende que ela anda pola vida.

Cando todo recendía a samsara

ela soubo que eran mutuamente imprescindibles;

dous tactos perfectos para palpar as mornuras da ledicia.

jueves, 13 de marzo de 2014

PALABRAS PARA FACERCHE UN VERSO



No teu poema
Existe um verso em branco e sem medida
Um corpo que respira, um céu aberto
Janela debruçada para a vida
José Luís Tinoco
Sei que os versos non valen
pero sigo escribindo sen parar
Manuel María

A JULIA

         Quero facerche un verso, agora que sei o que vale para min. Agora que respiro por Manuel María os aromas da Terra Cha, por Celso Emilio o amor máis puro de dous, por José Afonso un doce Abril de Caraveis e por Vitorino, por Vitorino, as inquedanzas da túa fiestra. Agora que sei o que vale para min, quero facerche un verso.
         O meu, é un verso de ferro e mel, de dinamita e nata, de pólvora e magnolias1. Un verso para ti, para que te acompañe sempre. Que te durma nas noites da dor e te esperte ben cedo nos días da ledicia. Que seque o teu pranto e se faga río nas túas humidades. E que te retrate a corazón aberto para levarte sempre comigo no peto da esperanza.
         Quero facerche un verso para contarche todos os  desasosegos, as chuvias e os vendavais dos nosos tempos. Un verso, só un verso, em branco e sem medida. Porque sabemos o que vale! E que nel iremos escribindo o poema da nosa vida. 



 De Xosé Lois Méndez Ferrín

viernes, 10 de enero de 2014

O REGRESO DA LEMBRANZA


Chego a ti
para imaxinarte novamente
beliscando inquedanzas.
Tantos anos buscando,
tantas rodeiras abertas,
tantos desesperos sentidos,
tantas noites húmidas
e hoxe chego ao teu peito.

Volvo a ti
como un camiño que se espreguiza
en ollos de abril,
procurando os soños
que nacían das túas marxes
para medrar utopías
por campos de liberdade
onde habito e arraigo
nas formas que te expresan.

Regreso a ti
coas mans abertas
e o corpo espido,
para recibirte en pel morna
que leva tatuada
a túa caligrafía de soños sinalados
nun recendo de vilas acesas
e promesas de futuro.

Mírome en ti
e descúbrome de novo
bebendo polo teu recordo un mar de vida
que hai 10 anos me garda o segredo dos teus peitos.

Recunco en ti,
porque o amor
impúlsame á orografía do teu corpo;
onde neva porvir, quecen utopías,
ventan ledicias, orballan soños
e o horizonte proclama
 unha chuvia de verbas
(sen silencio)
polas que hoxe estás, de novo,
no meu centro.

jueves, 24 de octubre de 2013

HUMIDADE CLANDESTINA

       

Teño un bulebule na miña cama
un bulebule doce de ir e vir
onde o teu corpo se chama porvir
onde se trenzan soños por quen se ama.

Flúo entre mares brancos de leite
onde te apareces ceibe e núa,
enchendo de desexo esa lúa
que vive nas sabas do teu deleite.

Cando chegas calada a miña noite
entrando paseniño no meu soñar,
alborexa abril en liberdade

e di a miña cantiga a quen escoite
que desexo verte en cada espertar

latexando en doce humidade

viernes, 20 de septiembre de 2013

NECESITO HUMIDADE



Necesito humidade,
necesito humidade
como un recorrido termal
que me habita
gravándome nas veas o teu riso
para facer balbordo no meu peito.
Cada pinga por ti vertida
aniquila unha parte do ermo que me habita
en soidade eterna,
contra a que xuro como can – lobo
á espera dun coito sísmico
con epicentro nas túas cadeiras
que arrase os penedos do ermo
e constrúa vida no teu útero
ata esvarar en cálido pracer

polas ladeiras do teu corpo. 

lunes, 2 de septiembre de 2013

VERBAS PARA FACER O AMOR CO AMOR DUN DÍA

Estar vivos é sentirnos latexando en doces humidades.


ter decote o teu sexo no meu sexo,
e xirarmos nus, xirarmos a rebollóns
polos tesos da Pena da Cabra.
FIZ VERGARA VILARIÑO

A JULIA

Estás aquí, de novo, para volverme á mocidade de todas as ledicias. Estou aquí, de novo, para volverte á ledicia de todas as mocidades. De camiño a ti, viña cavilando nas paisaxes que pintarías hoxe, nas cores que mesturarías e nas emocións que cargarías en cada pincelada. Viña cavilando en mergullarme de novo nos segredos do teu corpo e mesturarte na miña saliva como mesturas as cores nos teus cadros. Quería saber como debuxarías este bico, como pintarías esa aperta ou como trazarías aquel aloumiño. Quería verme no espello do teu querer e dicirche que  na miña viaxe de volta só atopei os teus seos puros primavera.

Quería, quería, quería....

Pero agora que estou aquí, só quero facer o amor contigo. Coma  sempre, como a primeira vez, e como a sorpresa de verte anovada nun sorriso, agora só quero facer o amor contigo. Sen novidades e vendo todo o que me traes de novo. Explorando labirintos para perdernos nese mundo sen fin que se abre e se pecha en nós mesmos. Lembrando os caneiros da primeira vez, nos que a miña anarquía rematou na túa  boca. Mais esquecendo o mar de soidade no que naufraguei coas mesmas utopías que me levaron aos teus ollos.

Hoxe, como onte e como mañá, ímonos espir coa mesma naturalidade coa que se saborea un cubata de ron, e imos saborearnos a nós mesmos. Teño ganas de peitos, de descender pola túa pel e pedirche pousada no baixo do teu ventre para retumbar entre o balbordo da túa risa. Teño ganas da túa boca de primeiro bico, de sentir novamente ese descenso de Saliva abrazada gorxa a dentro  para facerse canción. Teño ganas de todo, de máis e sempre contigo. Sempre contigo, onde as estrelas se beben en auga doce, e a vida resiste na cor da túa humanidade. 


Teño ganas, en fin, de estar no teu día a día como agora mesmo me atopo en ti, para que me pintes na cara un sorriso histórico que me agrome en berro, e berrar como un tolo: ESTOU VIVO, ESTOU VIVO, ESTOU VIVO, ESTOU VIVO, ESTOU VIVO, ESTOU VIVO, PARA SEMPRE.