lunes, 22 de julio de 2013

GRAZAS (VERBAS PARA UN BICO)

Nun Día da Patria, o imposible fíxose carne e habitou nos teus labios.

Dáme un bico namorado para saberte comigo.
MERO IGLESIAS

Grazas por chegar alí. Por erguerme entre o liño da patria e lembrarme que estou vivo. Por ese convite a autodeterminarme no ceo da túa boca. Por eses dous días que voei contigo no pensamento. Por ese novo aroma que me deixaches no licor café e pola vitalidade do teu sorriso.
Grazas por ensinarme a falar polos dedos. Por multiplicar a miña pel pola esperanza. Por roubarlle o lume aos deuses e compartilo comigo. Por poñerme na lingua outro mundo posible. Por ser como sexas e que sexas sempre ceibe. Por esa preciosidade de peitos nos que soñei espertar dunha soneca de liberdade. Por ensinarme a deixar de ser costela para lanzarme á plenitude. Por solfexarme Grândola na lingua e por facerme home ergueito nun corazón libertario.
Grazas por namorarme en galego. Por voar comigo ás alturas do Pórtico da Gloria para desmilagrarme dos anxos. Por facerme tremendamente humano. Por espertarme á vida. Por darlle o teu nome ao meu verán. Por  sacarme do tedio. Por mudar o meu ar coa túa frescura. Por revolverme os sentidos. Polo brillo dos teus ollos e pola luz desa paréntese que compartimos.
Grazas por deixarme ficar para sempre aquí, quente, ledo, agromado, multiplicado, espreguizado, ilusionado, fortalecido, abraiado, mantido, ergueito, desbocado, aluado, desnortado, espallado, liberado, desmilagrado e revolucionado á luz deste primeiro bico.

1 comentario:

  1. Solo alguen coma ti pode escribir unhas poesias tan cheas de sentimento, gracias por compartilas con todos nos . Un saudo

    ResponderEliminar