Mostrando entradas con la etiqueta Latitudes abraiadas e asolagadas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Latitudes abraiadas e asolagadas. Mostrar todas las entradas

martes, 29 de diciembre de 2020

2020: cruz e cara



  

Eras a mellor promesa posible

un gran ano feito na luz da historia

 e tan só deixas loito na memoria,

loita e medo, medo e loita invencible.

 

Déixasnos constancia do imprescindible

(buscando unha sentenza absolutoria)

mais só a ciencia nos trouxo esta vitoria

contra un inimigo que era invisible.

 

Aprendemos a vivir sen apertas,

renunciamos a ese sabor de alentos

mais o corazón manda e o peito sinte.

 

Sanitarios nobres de mans abertas

    loitan forte  para virar os ventos.

 Eles van con nós. Vaite dous mil vinte

 

            II

Sendo ti ano de tan triste lembranza

aínda che teño que agradecer

que este meniño viñera nacer

cando case nos fallaba a esperanza.

 

Hugo é liberdade en punta de lanza:

espello que nos abre este amencer

no que aínda poderemos tecer

para ti unha positiva gabanza

 

Aquí está Hugo neste intre complicado:

veu na quentura do noso verán

 curarnos deste tempo tan pechado.

 

Nas súas mans os soños bulirán:

tráevos ledicia nun gran ferrado

cheo espigas para  este novo pan

lunes, 25 de abril de 2016

O caravel do teu soño


Liberdade:
rúa chea de música
habitando versos
que aloumiñan utopías
para os días do mañá.
Soño fondo de porvir
no que nacen nenos
nunha primavera de flores vermellas.
Cama onde dous corpos
deconstrúen revolucións
para facer rios de novas vidas
sempre, sempre ceibes.
Canto inmenso de porvir
que nos leva do millo verde
ás amoras maduras de setembro.
Abril, que nos espreguiza
como unha nai
que ergue ao seu fillo
para facer realidade
o soño.
Praza, sempre precisa,
sempre aprazada,
sempre á espera.
Praza, ceibe,
que hoxe se enche
nese soño eterno
no que ti e eu
saboreamos entre ginjinha
e licor café
os sabores eternos da liberdade.
Por ti,
 por min,
polos que virán,

25 de abril, sempre. 

sábado, 19 de septiembre de 2015

ANAINA PARA ABRIR UNHA VIDA

A Miúdo
Son
un home perdido
duns ollos
e unha terra

que presinto


Ergueita en soños
púxoseche vermella a alborada
como se levaras dende todas as chuvias
Grândola na mirada.

Envolto en lúas de silencio
o teu peito denunciou barbaridade
dixo na miña boca que vés perdida
dunha terra da fraternidade.
                                                        
Ese silencio non é teu
nin son as túas verbas antollos
ben se ve que levas unha necesidade
de igualdade nos ollos.

por iso deitada na utopía
da túa man danza unha fada
que vai cara vila morena
a cen azos por barricada.

Ventan os teus peitos liberdade
venta a túa boca dozura
ventan os teus soños caraveis
para un tempo de fartura. 

E se volves xurareime
terte por compañeira
para nevarte de bicos
da cabeza ás cadeiras.

Nunha terra de verdade
que che devolva o riso
e che ensine que para ser
non tes que pedir permiso.

Entón fareiche o amor
coma ese vermello das alboradas
que aínda soña a túa volta
con Grândola na mirada.

É TEMPO DE FACER A VIDA







Todos os momentos
son bos
para erguerte
e loitar





Erguerse por un soño compañeira
nunca deixará de ser un acto de fe
no que os homes se estremecen
a si mesmos para vivir de pé

mentres ven que non hai fuxida
que é tempo de facer a vida

entón levántome firme
debuxado no lume do teu peito
que si o pobre morre de frío
temos que darlle teito

lume para quen o pida
é tempo de facer a vida

un lar para os desherdados
un pan para os famentos
un bico para os invisibles
todos sometidos ao esquecemento

remataremos coa sida
é tempo de facer a vida


apertar nun corazón as mozas da noite
ter sempre unha man que te entenda
dicirlle non á paz con prexuízo
que a leve o demo e que a fenda

como nunca foches vencida
é tempo de facer a vida

érguete nos balados do capital
cheos de miseria e de medo
que mañá serán cascallos
que te espertarán ben cedo

pola fin de quen te deixou espida
é tempo de facer a vida

berrarán as estrelas
a túa liberdade
e faremos un pobo
nos teus ollos de fraternidade

porque se nunca fuche querida
é tempo de facer a vida

ELA OU EL




Quando nunca a infância teve infância
 O que faz falta é empurrar a malta
Zeca Afonso

Ela ou el eran nenos que xogaban a correr cara eses horizontes onde se espreguizaba o porvir en milleiros de ilusións. Eran unha casa, unha fogueira que lles incendiaba o bico para vivir ao ritmo preciso da supervivencia. A ledicia tiña un oco na mesa, era un espazo pequeno, só un recuncho pero nese recuncho estaba a vida.  Xusto nese punto da gorxa onde se garda a ledicia.  Alí vivían as nenas e os nenos. Alí vivía ela ou el.

Despois veu a noite, os soldados con fusís, a cocaína mesturada con pólvora e as agullas, as agullas contra as tempas da infancia. Logo tocou volver a casa, cando non eras ti quen volvías. Matáchelos a todos sen matar a ninguén. Só eras cocaína e pólvora,  non eras,  non eras infancia.

Camiñaches cos pés polas selvas medoñentas, orfo dos homes, da vida, de ti e do berce no que despedías á lúa que che apagaba os ollos para acenderche os soños.  Só che quedaba morrer ou matar e mataches para non morrer. Mataches para seguirlles sorrindo aos soles que che iluminaban o espertar, camiñaches sobre os teus morto (ti non querías!), bebiches o seu sangue e seguiches. Seguiches porque seguías vivo e só quedaba seguir.


O neno que mataches aparecéuseche en soños invasores que non eran teus pero que te prenderon de novo cando intentabas voltar aos teus soños. Preguntouche "por qué?" e a ti caloute o medo porque non tiñas unha resposta na túa esencia infantil. Non a tiñas porque  tampouco nós temos unha resposta á barbarie humana.