Eras a mellor promesa posible
un gran ano feito na luz da historia
e tan só deixas loito na memoria,
loita e medo, medo e loita
invencible.
Déixasnos constancia do
imprescindible
(buscando unha sentenza absolutoria)
mais só a ciencia nos trouxo esta
vitoria
contra un inimigo que era invisible.
Aprendemos a vivir sen apertas,
renunciamos a ese sabor de alentos
mais o corazón manda e o peito
sinte.
Sanitarios nobres de mans abertas
loitan forte para virar os
ventos.
Eles van con nós. Vaite dous mil vinte
II
Sendo ti ano de tan triste lembranza
aínda che teño que agradecer
que este meniño viñera nacer
cando case nos fallaba a esperanza.
Hugo é liberdade en punta de lanza:
espello que nos abre este amencer
no que aínda poderemos tecer
para ti unha positiva gabanza
Aquí está Hugo neste intre complicado:
veu na quentura do noso verán
curarnos deste tempo tan pechado.
Nas súas mans os soños bulirán:
tráevos ledicia nun gran ferrado
cheo espigas para este novo pan