Para andar 
 A Guzmán
Teño xa un aniño
e quero saber do mundo,
percorrendo o meu camiño
coñecendo o máis profundo. 
Hei andar montes e prados
e navegar polo mar
para coñecer todos os lados
onde persoas únicas atopar.
Non me importa a cor 
senón o que leven no corazón. 
Nacín para vivir o amor,
non penso perder ocasión. 
Pasiño a pasiño lonxe irei
nas beiras do camiño
moitas flores sementarei
para deixar recendo de cariño.
Canto máis ande 
máis hei de saber, 
hei buscar quen comigo cante
e a man heille tender.
Moito terei que correr
cando a vida recenda a primavera
e no inverno hei comer 
os froitos que ela me trouxera. 
Teño que medrar moito
para facer unha vida nova, 
hei aprender de todo o que escoito
ata do meu saber dar proba. 
Mais agora tócame andar, 
agatuñarei polas miñas ilusións
e moitos amigos hei atopar
dependendo de cada ocasión. 
Nacín para abrir saídas
que non teñen saída de seu.
Agárdame vida 
que alá vou eu!
