sábado, 19 de septiembre de 2015

ANAINA PARA ABRIR UNHA VIDA

A Miúdo
Son
un home perdido
duns ollos
e unha terra

que presinto


Ergueita en soños
púxoseche vermella a alborada
como se levaras dende todas as chuvias
Grândola na mirada.

Envolto en lúas de silencio
o teu peito denunciou barbaridade
dixo na miña boca que vés perdida
dunha terra da fraternidade.
                                                        
Ese silencio non é teu
nin son as túas verbas antollos
ben se ve que levas unha necesidade
de igualdade nos ollos.

por iso deitada na utopía
da túa man danza unha fada
que vai cara vila morena
a cen azos por barricada.

Ventan os teus peitos liberdade
venta a túa boca dozura
ventan os teus soños caraveis
para un tempo de fartura. 

E se volves xurareime
terte por compañeira
para nevarte de bicos
da cabeza ás cadeiras.

Nunha terra de verdade
que che devolva o riso
e che ensine que para ser
non tes que pedir permiso.

Entón fareiche o amor
coma ese vermello das alboradas
que aínda soña a túa volta
con Grândola na mirada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario