sábado, 19 de septiembre de 2015

DENDE A PUNTA DUNHA BÁGOA


A JOSÉ AFONSO

Dende a punta dunha bágoa
escríboche camiñando polas rutas
que me marcan no silencio da noite
os soños agromados de ilusións verdes.

Dende a punta dunha bágoa
lánzoche un infindo de palabras
para que sigas mantendo a utopía
dunha cidade ceibe en caraveis vermellos.

Dende a punta dunha bágoa
intento manterme vivo
bebendo a grolos a saiba
das fontes das túas mans.

Dende a punta dunha bágoa
admírote nota a nota
e tento xestar en futuro
a Grândola dos meus soños.

Dende a punta dunha bágoa
soño con dicirche o que faz falta
camiñando polas rúas de Setúbal
cos amigos de cada esquina.

Dende a punta dunha bágoa
bérroche, Zeca, a miña loita
e proxéctome nos soños

dun horizonte de esperanza.

A NOSA IRMANDADE

A Manuel María
Tras de ti
Deixáchesnos un día ledo.
Bébedo de camaradería
e poesía,
cheo de corazóns altivos
que se unen por apertas
para celebrar un novo ano
ao redor do teu legado.

A nosa irmandade
é un punto de encontro
que nos fai gravitar
en cada verso por ti escrito,
en cada idea por ti mantida
con absoluta coherencia vital.

Ti, es hoxe o noso pensamento colectivo;
o motivo de que o corazón nos palpite
ao ritmo de mans unidas
que se resilian contra as tempestades deste tempo.
Estas mans resilientes son túas, Manuel!
Son feitas de buxo e amor!
E únennos neste día
onde aprendemos a atoparte

en apertas ceibes de fraternidade.

CANCIÓN PARA UN POETA LABREGO

A Manuel María no 6º cabodano do seu pasamento

No teu verso hai lume de lar,
unha fiestra incendiada en loita,
mil razóns para amar
que chegan ás almas que te escoitan.

 Na túa man a dignidade labrega
agroma como unha noite estrelada
que aluma á Patria galega
cara o amencer da liberdade soñada.

Na túa conciencia resucitamos os bos e xenerosos,
os que teimamos pola propia cultura
e non a vendemos ante os poderosos
que lle procuran a cadea máis dura.

No teu amor seguen verdes as pradelas da fonte
e seguen os muíños moendo o pan da dignidade
para que un día Galicia ceibe conte
o conto da liberdade

Na túa lembranza
percorremos co noso idioma esta cruel invernía
e do cheiro do teus versos agroma a esperanza
de que o futuro desta cadea se chama SOBERANÍA

martes, 25 de agosto de 2015

RIBEIRAS

Nos teus ollos
míranse ledas
as catro ribeiras
baixando fío a fío
coma quen tece
vendimas de amor.

lunes, 23 de febrero de 2015

VIÑECHES VER O MAR

Seguiches o camiño da sal
a moreas de emocións por autoestrada.
Cando ninguén o contaba
(nun tedio infindo)
Riazor vibrou no teu sorriso
e a túa voz espallouse
polas estradas nas que soñei contigo.
En cada esquina riso,
sal en cada mirada
e dozuras íntimas en cada bico.

Agora toda a cidade xira por ti.
Cada onda ínzate en soberanía
e contáxiome dela ata proclamarte
 nun ideario coas túas cores.
O mar leva o teu nome,
a terra agroma o teu nome,
o vento asubía o teu nome
e eu son un espectador clandestino,
un xestor de lembranzas doces

que debuxo en versos espallados por ti. 

viernes, 26 de diciembre de 2014

NAS TÚAS ÍTACAS

Crucei o mar máis bravo
para destecerme fío a fío en ti.
Amansei co teu recordo
o frío das invernías.
Enfrontei cada escuma de onda
coa forza dos teus bicos
e hoxe volto á procura do teu sosego.

Veño do ermo e preciso un anaco de pan.
Tráioche lendas incribles nas que vin a morte.
A morte ten ollos vermellos e non sabe cantar;
por iso fun orfo da túa voz,
exiliado do teu corpo
e privado das túas mans.

Preséntome ante ti en retallos
para que me recompoñas
con fíos de saliva
ata poder soñar de novo.
Non volverei mariñar
se non é contigo
porque xa non sei cantar sen a túa voz
porque te necesito tanto
como este aire que me espreguiza

en cada teu bico.   

domingo, 10 de agosto de 2014

ADIVÍÑOTE SEMPRE

Durmindo entre sabas húmidas
da cor da túa voz,
do tacto das túas mans
ou do tamaño do teu sorriso.
Espida entre as propias sures
ensarillándote en soños
mentres nas sabas se tatúa para sempre o teu corpo.

Entón chego eu
e nada cheira a soidade,
un fondo cheiro a soberanía percórrete
ata impulsarme a remontar o curso da nacenza que te adiviña.
Entro no cuarto e o almanaque marca un número impar de Abril.
Ti estás na dirección dun cartel que pon “avante”,
nun agromar de sedas espreguizadas
e eu percorro o camiño que me leva a percorrerte.
Sucédense os manifestos
pero pouco a pouco imos tomando posicións
e ás 00:20 entramos xuntos na terra prometida.
Rúas ateigadas de ledicia acompáñannos
en banda sonora vital mentres certifican porvires.
Percorremos tacto a tacto a nosa terra prometida
e rimos ata deixarnos desbordar
na pureza dun mar branco que nos alimenta.
Un mar branco,
o noso segredo mar branco
no que cada noite ás 00:20
facemos un abril
que nos ateiga de ilusións novas
contra este mundo que nos derruba.

Cada noite ás 00:20
o universo que me alimenta

flúe polo teu corpo.