|
|
Sen metafísica poética digo o meu mensaxe: vivide, Sen berros que cheguen ás entrañas: vivide. Vivir sempre. Vivir agora, denantes e despois. MANUEL MARÍA
domingo, 15 de octubre de 2017
viernes, 8 de septiembre de 2017
Nas túas verbas
Digo bidueiro, uva, terra dura, labrego, Cha.
Digo pobo, historia, lingua, memoria.
Digo Castelao, Bóveda, Reboiras.
Digo soño, patria, utopía tecida.
Digo honestidade, solidariedade, pensamento crítico.
Digo porvir, futuro, horizonte estrelado.
Digo identidade, unidade, orixinalidade.
Digo amor, familia, tenrura, fidelidade.
Digo crenza, militancia, forza, paz.
Digo muíño, muiñeiro, pan de emoción.
Digo Galicia, labrego e mariñeiro.
Digo artesán e obreiros.
Digo oficios e digo oficio de poeta.
Digo, digo, digo ata descubrir
Que é imposible vivir esta identidade
Sen recuncar unha e outra vez
Nas túas verbas.
lunes, 21 de noviembre de 2016
Para andar (A Guzmán)
Para andar
A Guzmán
Teño xa un aniño
e quero saber do mundo,
percorrendo o meu camiño
coñecendo o máis profundo.
Hei andar montes e prados
e navegar polo mar
para coñecer todos os lados
onde persoas únicas atopar.
Non me importa a cor
senón o que leven no corazón.
Nacín para vivir o amor,
non penso perder ocasión.
Pasiño a pasiño lonxe irei
nas beiras do camiño
moitas flores sementarei
para deixar recendo de cariño.
Canto máis ande
máis hei de saber,
hei buscar quen comigo cante
e a man heille tender.
Moito terei que correr
cando a vida recenda a primavera
e no inverno hei comer
os froitos que ela me trouxera.
Teño que medrar moito
para facer unha vida nova,
hei aprender de todo o que escoito
ata do meu saber dar proba.
Mais agora tócame andar,
agatuñarei polas miñas ilusións
e moitos amigos hei atopar
dependendo de cada ocasión.
Nacín para abrir saídas
que non teñen saída de seu.
Agárdame vida
que alá vou eu!
miércoles, 7 de septiembre de 2016
CANDO TODO ES TI
Todo se
aprende en ti
porque nos
teus versos
aflora un lar
de emocións
chamado
Galiza.
Galiza agroma
en cada recuncho
eternizado na
túa lira
coma un
porvir perfecto
que ten na
utopía
un camiño por
desbrozar.
Nos teus
versos
unha longa Chá
convértese
na patria
soñada
e comeza un
camiño
de pedagoxía
onde cada
cousa
sabe a ti.
Todo se
aprende en ti
e a túa voz
ecoa
onde
pronunciamos a liberdade
porque en ti
fomos felices
e descubrimos
que na nosa forza infinda
un carballo
bebe a cerna da terra
eternizando o
noso ser galego
polos séculos
que virán
xusto aquí
onde todo es
ti
xusto agora
cando todo es
ti.
lunes, 25 de abril de 2016
O caravel do teu soño
Liberdade:
rúa chea de música
habitando versos
que aloumiñan utopías
para os días do mañá.
Soño fondo de porvir
no que nacen nenos
nunha primavera de flores vermellas.
Cama onde dous corpos
deconstrúen revolucións
para facer rios de novas vidas
sempre, sempre ceibes.
Canto inmenso de porvir
que nos leva do millo verde
ás amoras maduras de setembro.
Abril, que nos espreguiza
como unha nai
que ergue ao seu fillo
para facer realidade
o soño.
Praza, sempre precisa,
sempre aprazada,
sempre á espera.
Praza, ceibe,
que hoxe se enche
nese soño eterno
no que ti e eu
saboreamos entre ginjinha
e licor café
os sabores eternos da liberdade.
Por ti,
por min,
polos que virán,
25 de abril, sempre.
sábado, 19 de septiembre de 2015
DÁ MÁIS FORZA A LIBERDADE
A meus pais e á madriña
Grândola 2004 na lembranza
Dá máis forza a liberdade
cando os teus peitos
se chaman fraternidade
e fan luz en noites seculares
Dá máis forza o berro
cando pon fin
ao laio dun desterro
e agroma á vida nun caravel
Dá máis forza a soberanía
cando fai primavera
nos eidos da invernía
e técete vermella e ceibe
Dá máis forza a túa man
cando me leva á boca
ese anaco de pan
onde me dás a ledicia
[1] Aínda hoxe en
Grândola hai un mural de azulexos portugueses coa letra e a música da canción,
cun lema central xurdido das raigañas dun caravel: “dá mais força a
liberdade”. Pola parte traseira
escribiron os Dereitos Humanos.
TI
Só quen me quere
Diagnostica
o que pasa
dentro de min
Ti es un entorno
que a miña ollada espreita
predecindo certa
unha festa de cores.
Primavera eterna
(leve outono)
ou ar que me esparexa
o bico gorxa adentro
liberándome de hospitais;
botando fóra a maldición
dos anos e dos informes;
dos fríos números de historia
e dos putos diagnósticos
que nunca saben quen son eu.
Fóra todo fóra,
fóra eses malditos suicidas
a correr río abaixo
na nosa fervenza.
Mentres fervemos
amándonos a corazón
labios e lume aceso
para sempre
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
